O noso universo de PAZ! #MisiónEspacialLabaca

 Con motivo da celebración do Día da Paz, no noso colexio quixemos unir esta data tan especial co proxecto Misión Espacial Labaca, levando os valores da convivencia, o respecto e a amizade máis alá do noso planeta.

Para esta viaxe tan especial escollemos como compañeiro de ruta O Principiño, unha obra que nos fala do espazo, doutros planetas e, sobre todo, de valores fundamentais como a paz, a amizade, a responsabilidade e o coidado dos demais. A lectura do libro realizouse en todas as aulas, adaptada a cada nivel, converténdose nun punto de encontro para a reflexión e o diálogo.



A partir desta lectura, o alumnado deu renda solta á súa imaxinación e creatividade deseñando o seu propio Planeta da Paz, inspirado nas ensinanzas do libro. Cada planeta representa aquilo que para eles e elas é imprescindible para vivir nun mundo mellor: respecto, igualdade, solidariedade, amizade empatía, cooperación…




O resultado foi marabilloso: un auténtico Universo de Paz, cheo de cores, ideas e ilusións, que nos lembra que, igual que no espazo, cada pequeno xesto conta e que todos e todas somos responsables de coidar o noso planeta e ás persoas que o habitan.

Desde a biblioteca escolar seguimos apostando pola lectura como unha ferramenta poderosa para educar en valores e construír, entre todos e todas, un mundo máis xusto e pacífico. 💙🚀








Comentarios

Entradas máis populares